Espalladas pola franxa litoral atlántica entre o Cávado e o Miño atopamos unhas pequenas salinas escavadas na rocha. Aparecen por centos nas costas dos municipios de Esposende, Viana do Castelo, Caminha e A Guarda.
A explotación destas salinas faríase a man, recollendo o sal directamente coas mans ou con pequenas pas ou culleres. Sería unha produción artesanal, cunha produtividade limitada e que probablemente se desenvolveu a nivel familiar.
Descoñecemos a súa cronoloxía, inda que contamos con indicios que apuntan a que estarían en funcionamento nun momento moi avanzado da Idade do Ferro, cando as sociedades dos castros se atopan xa en contacto con Roma.
Na Guarda aparecen en torno á zona do Puntal, en Camposancos, esparexidas polos penedos máis próximos ao mar. No lugar das Lagoas, na baixada á praia de Camposancos, é onde se atopa o conxunto de salinas rupestres mellor conservado.