Salinas de O Seixal

Facticii varia genera, volgaris plurimusque in salinis mari adfuso
Plin. Nat. 31.81

O sal podíase obter de diferentes xeitos na antiga Roma, pero a forma máis habitual foi o aproveitamento das salinas mariñas. Nas costas galaicas está documentado un importante centro romano de produción de sal, que probablemente funcionaba para abastecer ás factorías de salgadura que neste mesmo momento se espallan ao longo de todo o litoral. Coñécense salinas romanas na Guarda, no Areal de Vigo, en Bouzas e na villa romana de Toralla. Son tamén probablemente romanas as salinas da Lanzada, as de Nerga (Cangas), as de Mougás (Oia), as de Sto. Isidoro (Caminha), as de Gelfa (Viana do Castelo), as de Esposende e as de Angeiras (Matosinhos).

A costa guardesa conserva unha concentración excepcional de antigas salinas. Toda a franxa litoral debeu estar salpicada de explotacións salineiras, dando forma a unha paisaxe entregada á explotación do mar. Evidencias de salinas coñécense nos lugares de Punta Barbela, Sollás, na zona de Cetárea de Pepe Sobrino, no Porto da Lamosa e en Punta Bazar.

No lugar do Congrido, ao pé do paseo da senda litoral pola que discorre unha variante do Camiño de Santiago, consérvanse as salinas do Seixal. Os traballos arqueolóxicos levados a cabo deixaron á vista parte dunha explotación de sal que ten a súa orixe no s. I d.C., nun momento no que o castro do Monte Trega inda estaba ocupado. O que hoxe podemos ver sobre o terreo correspóndese cos tallos salineiros, onde tiña lugar a fase final de cristalización do sal. O seu enlousado estaría cuberto orixinalmente con algún tipo de pavimento impermeabilizante, e que hoxe non se conserva. A auga do mar, antes de chegar ata aquí pasaría por outros tanques onde se iría concentrando progresivamente o sal. Debido ás transformacións da liña de costa esas estruturas xa non se conservan.

As salinas a vista de dron

Play
Slider

As salinas en 3D